CRTVG

Buscar

O BNG pide un confinamento de quince días se a terceira onda non se controla

Publicado o 18/01/2021 16:19

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este luns un "confinamento de quince días" se a terceira onda de contaxios non remite proximamente.

En conferencia de prensa, Pontón insistiu en que as medidas "brandas" que se están adoptando recentemente "non están a ser efectivas", en tanto que "non se logra aplanar a curva" e a presión hospitalaria está a incrementarse.

A líder nacionalista solicitou "que se faga todo o necesario e se tomen medidas valentes sen descartar ningunha", porque aínda que "a ninguén lle gusta falar de confinamento, porque é unha medida moi dura, hai que poñelo sobre a mesa se os datos non reflicten unha melloría".

"Deben barallar esta alternativa porque estamos nun momento crítico" e as medidas que se están tomando "de nada serven se non cumpren o seu obxectivo a curto prazo", sentenciou Pontón, que remarcou que "non hai dilema á hora de elixir entre economía e saúde", xa que medidas duras, pero efectivas serían menos prexudiciais para a economía que as medidas brandas.

Noticias web

18/01/2021