CRTVG

Buscar

O Blue Star ten fendas de ata 6 metros, pero non hai risco de afundimento

Publicado o 11/12/2019 13:48

Tras unha primeira inspección no porto exterior de Ferrol, esta mañá o Blue Star era trasladado á zona interior do porto. Antonio Sabor, práctico de Ferrol, explica que foi unha manobra sen incidencias. 

Na zona do porto onde habitualmente se sitúan os grandes cruceiros é onde nas próximas horas se lle van realizar ao quimiqueiro novas e máis completas avaliacións. Trátase de valorar os danos que presenta o buque, tanto no casco coma no interior, tras permanecer case tres semanas encallado.

Javier Calviño, xefe de explotación do Porto de Ferrol, di que o buque ten varias fendas, algunha dela de ata 6 metros, pero que a súa flotabilidade non está en risco.

O Blue Star permanecerá ao abrigo deste peirao mentres se define o seu futuro. Un futuro que podería traducirse nunha oportunidade de emprego na ría, se a empresa armadora opta por non sacar o buque do porto e arranxalo en Ferrol. O armador e Navantia negocian a posible reparación do barco no estaleiro ferrolán.

Calviño di que Navantia está perfectamente preparada para arranxar o quimiqueiro.

O Blue Star varou o 22 de novembro na zona rochosa das Mirandas, na costa de Ares, despois de sufrir un incendio da súa cheminea e un fallo de máquinas. Tras permanecer 18 días bloqueado, dous remolcadores lograron reflotalo e trasladalo ao porto de Ferrol. Agora, unha comisión de investigación determinará as circunstancias e analizará a xestión deste incidente marítimo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019