CRTVG

Buscar

O Banco de España prevé unha caída brusca do PIB en 2020 e un rebote para 2021

Publicado o 08/06/2020 13:25

O Banco de España estima unha "caída sen precedentes" de entre o 16% e o 21,8% da economía española no segundo trimestre pola Covid-19, e estima que nun escenario de recuperación temperá o PIB español caería un 9% este ano, e repuntaría un 7,7% e un 2,4% en 2021 e 2022, mentres que baixo un escenario de recuperación gradual a reactivación sería máis lenta e a economía retrocedería un 11,6% este ano, pasa pasar a crecer un 9,1% e un 2,1% os dous exercicios seguintes. 

Conforme aos distintos escenarios, calcula que a taxa de paro situarase entre un 18,1% e un 19,6% este ano e entre un 18,4% e un 18,8% en 2021, mentres que o déficit público escalará a unha pinza de entre o 9,5% e o 11,2% este exercicio e entre o 5,8% e o 6,8% o próximo. A débeda pública oscilará este ano entre o 114,5% e o 119,3% do PIB, para situarse entre o 111,7% e o 115,9% en 2021. 

Así figura nas últimas proxeccións macroeconómicas realizadas polo organismo supervisor para o período 2020-2022, nas que explica que dado o "extraordinario nivel de incerteza" actual optou por confeccionar varios escenarios alternativos, polo que se contempla un escenario denominado de "recuperación temperá" e outro de "recuperación gradual", así como tamén un de risco. Neste último o PIB podería caer un 15,1% este ano.

As estimacións recollidas nos dous principais escenarios, de recuperación temperá e gradual, supoñen unha mellora respecto a os últimos prognósticos presentados o 18 de maio polo gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, no Congreso, que apuntaban a unha diminución do PIB de entre o 9,5% e o 12,4% este ano, cunha recuperación en 2021 insuficiente para alcanzar o nivel previo, rexistrando un avance económico de entre o 6,1% e o 8,5%, aínda que o Banco de España afirma que a comparativa é "limitada", ao variar a aproximación metodolóxica.