CRTVG

Buscar

O banco de alimentos de Ferrol non ten leite nin cacao para repartir

Publicado o 03/10/2019 13:48

Cando fai dez meses da gran recollida para os bancos de alimentos, o almacén de Ferrol está baixo mínimos. Nel colaboran unha vintena de voluntarios e din que só teñen reservas de pasta, arroz e galletas. Do resto, escasea case todo. 

Manuel González, coordinador do Banco de alimentos Rías Altas-Ferrol: "Fundamentalmente, leite, aceite, alimentos infantís, azucre. Agora estamos con reservas mínimas. Nalgún caso tivemos que deixar de dar leite. Agora non temos produtos de almorzo como Colacao".

As carencias son moitas e persisten no tempo. Desde este almacén atenden as necesidades de 1.138 familias, case 4.00 persoas, de Ferrolterra, Eume e Ortegal. As entregas fanse indirectamente, a través de Cáritas e outras ONG. 

Manuel González, coordinador do Banco de alimentos Rías Altas-Ferrol: "Verdadeiramente necesítase. Oxalá que non pero por desgraza esas 4.000 persoas ás que lles damos alimentos están sempre aí. Que nos axuden, que doen alimentos, tempo, pero que pensen nos demais. Aquí vemos moitos casos e xente que vivía ben e que estaba nunha posición desafogada, vese nestas circunstancias por reveses da vida, e é penoso".

As necesidades máis perentorias confían en solucionalas cunha recollida puntual que van facer este venres e o sábado no Supercor da cidade. A gran recollida anual será os días 22, 23 e 24 de novembro e para ela precisan máis de 600 voluntarios.

Noticias web

03/10/2019