CRTVG

Buscar

Rosario Porto está con "depresión profunda" na enfermería da Lama

Publicado o 12/12/2019 12:24
Rosario Porto está con "depresión profunda" na enfermería da Lama

O avogado de Rosario Porto, condenada a 18 anos de cárcere por matar a súa filla Asunta Basterra, asegurou que a sua clienta permanece na enfermería da prisión da Lama, en Pontevedra, "cunha depresión profunda".

O letrado José Luís Gutiérrez Aranguren, que acudía aos xulgados de Lugo para exercer a defensa dun home procesado por difusión de pornografía infantil, explicou que Rosario Porto leva "arrastrando esa depresión desde hai moitos anos".

Por iso, sinalou que lle recomenda a Rosario Porto, "aínda que ela non quere", pedir permisos para "poder forzar canto antes unha posibilidade de clasificación en terceiro grao e de anticipación de cumprimento da pena". "Dígoo por indicación miña, porque ela non quere saber absolutamente nada de liberdade, nin nada, e coa actitude habitual da Xunta de Tratamento de negativa por gravidade do feito, como se non fose suficiente a pena que lle impuxeron", manifestou o avogado.

Segundo indicou, Porto mantén que é "inocente" do crime de Asunta, unha afirmación que o seu avogado tamén defende e da que se mostrou cada "vez máis" convencido. Así, asegurou que, ultimamente, ten "dificultade" para comunicarse coa súa representada no cárcere porque, mentres que antes o chamaba, agora non o fai. "Ela non se molesta en saír da enfermaría e está absolutamente abatida", incidiu. O avogado sinalou que esgotou "todos os recursos xudiciais" polos que exonerar ao seu cliente.

"A miña confianza na xustiza é a xusta, porque este caso foi especialísimo", indicou. "Eu pensei que había instancias internacionais que eran máis dadas a mirar as cousas con profundidade e aínda é peor cando un sae por aí, salvo que sexa para casos nas que hai xente de altura que está involucrada, nese caso si que son moi exquisitos nas garantías", manifestou. Así, criticou que "os demais mortais" poidan "ir ao cárcere" sen "facer nada" porque non teñen "ningún tipo de amparo", protestou.

Tanto Rosario Porto como o seu ex-marido, Alfonso Basterra, foron condenados a 18 anos de prisión, despois dun xuízo con xurado popular, polo asasinato da súa filla adoptiva Asunta o 21 de setembro de 2013.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí