CRTVG

Buscar

O apoio do PNV ao Goberno abre a transferencia dunha autoestrada a Euskadi similar á AP-9

Publicado o 04/04/2019 17:25

O apoio do Partido Nacionalista Vasco aos decretos dos venres sociais ten recompensa. O Goberno de Pedro Sánchez convocará a vindeira semana a Comisión Mixta de Traspasos Estado-País Vasco. Sobre a mesa, o traspaso da competencia sobre a AP-68, unha autoestrada da mesma xeración que a AP-9.

Conversas nos corredores do Congreso entre a ministra de Traballo e o voceiro do PNV durante o debate para a validación dos decretos dos chamados venres sociais da Moncloa. 

Aitor Esteban, voceiro do PNV no Congreso: "Suponse que van estar escoitando un pouco máis as túas preocupacións neste momento que estaban os decretos".

As preocupacións eran traspasos do Estado ao País Vasco. O Ministerio de Política Territorial anunciou despois das votacións que convocará a Comisión Mixta a semana vindeira. 

Iñigo Urkullu, lehendakari: "Suporá que en base aos preacordos acadados no día de onte daremos catro pasos adiante no cumprimento do Estatuto de Guernika".

Catro pasos en catro asuntos: produtos farmacéuticos, actuacións sobre xubilacións, seguro escolar e tamén unha autoestrada, a AP-68, da mesma xeración que a AP-9. Unha transferencia que o Goberno lle negou a Galicia. Os socialistas din que todo responde ao calendario acordado entre Sánchez e Urkullu na Moncloa en xullo do ano pasado.

Idoia Mendia, secretaria xeral PSE-PSOE: "Cónstame que houbo un traballo moi intenso nas últimas semanas para tratar de abordar as transferencias da primeira parte do calendario antes das eleccións xerais".

A xuntanza será a semana vindeira, a mesma en que comeza a campaña electoral.

Reacción da Xunta

O presidente da Xunta di que o trato con Galicia é discriminatorio e repróchalle ao Executivo central que escolla como interlocutor válido a Otegui fronte ao Parlamento galego.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/04/2019