CRTVG

Buscar

Un medicamento de PharmaMar reduce case ao 100% a carga viral da covid-19

Publicado o 26/01/2021 21:34

Aplidin é un medicamento da empresa PharmaMar concibido, inicialmente, para tratar o cancro. Pero dende que saltou a pandemia, varios grupos de expertos ensaian con el no tratamento da covid. Entre eles, un equipo do hospital Monte Sinaí de Nova York e a Universidade de San Francisco. Acaban de publicar na prestixiosa revista Science os seus resultados, que non podían ser máis esperanzadores. Pablo Avilés, director de Preclínica da compañía, asegura que conseguiron reducir a carga vírica un 99%.

Se se confirman estes resultados, o Aplidin sería moito máis potente que o único antiviral aprobado por agora, o Remdesivir. O Aplidin podería funcionar, ademais, contra calquera das cepas que se coñecen, porque actúa sobre a célula infectada, non sobre o virus. 

Pablo Avilés explícanos que "é como se o virus necesitase que dentro da célula que infectou houbese unha fotocopiadora que el emprega para fotocopiarse a si mesmo. O que este traballo demostra é que a aplidina para a fotocopia".

A compañía traballa xa con diversas axencias do medicamento europeas para poñer en marcha o ensaio de fase 3, que sería xa en humanos, calculan que con menos dun milleiro. Queren optimizar todos os prazos para que empece a administrarse nos hospitais o antes posible. Tras a publicación destes resultados, as accións de PharmaMar disparáronse na bolsa.

Noticias web

26/01/2021