CRTVG

Buscar

O Adif comunicou que ía botar ladeira abaixo os vagóns descarrilados en Valdeorras

Publicado o 05/08/2020 14:21

As imaxes dos vagóns precipitándose ao Sil espalláronse axiña polas redes, ao tempo que a indignación. Foron os mesmos veciños de Sobradelo os que presenciaron os feitos e gravaron os vídeos.

Dende a a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil din que o Adif chamou o domingo ao 112 para comentar a intención de botar ladeira abaixo os vagóns para despexar a vía, pero este organismo non deu autorización.

Asociacións ecoloxistas galegas denuncian estes feitos e piden que se retire axiña os vagóns e se reparen os danos ambientais causados.

O tren de mercadorías, baleiro, descarrilou o pasado 28 de xullo neste punto de Valdeorras. Nos labores para sacar da vía os once vagóns un foi parar ao río.

O Adif iniciou unha investigación para aclarar o sucedido.

Adif corta o tráfico ferroviario para retirar os vagóns do leito do Sil e outros dous que seguen no lugar

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias está a traballar para retirar os dous vagóns que se atopan no leito do río Sil en Carballeda de Valdeorras (Ourense) e outros dous que quedan na zona tras o descarrilamento do pasado 28 de xullo.

Por este motivo, aínda que restableceu desde as 06.40 deste mércores o tráfico ferroviario, volveu suspendelo ao redor das 14.30 para iniciar as operacións necesarias para retirar os vagóns descarrilados, xa que "será necesario acondicionar a vía para tal fin", sinalaron fontes de Adif.

Así, córtase a circulación pola vía para garantir o desenvolvemento das operacións de recuperación dos vagóns "en condicións de seguridade para todos os traballadores e medios auxiliares".

Para o desempeño destas tarefas, que as mesmas fontes sinalan que levarán varios días, están a tramitarse os permisos preceptivos, como a autorización de uso de maquinaria non forestal nin agrícola en zonas próximas a montes, que debe emitir a Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural, e a autorización de traballos en zona de protección do leito do río, competencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Os técnicos de Adif están en contacto permanente cos devanditos organismos ambientais para avanzar nas tramitacións necesarias. A comunicación cos técnicos e responsables dos organismos ambientais "é constante e continuará séndoo nesta fase de recuperación dos vagóns accidentados", explicitan nun comunicado.

No operativo empregaranse dous guindastres de estrada de 80 toneladas, que permitirán estabilizar os vagóns situados xunto á vía e, á súa vez, posibilitarán o descenso de traballadores e equipos ata o vagón situado na beira do río Sil, para posteriormente retirar as seccións desmontadas.

Está previsto que os restos dos vagóns sexan transportados por vía férrea en plataformas para o efecto, ata a próxima estación de Quereño.

Noticias web

05/08/2020