CRTVG

Buscar

O abuso de antibióticos causa resistencias mortais

Publicado o 19/11/2019 15:03

As infecccións causadas por bacterias multirresistentes aos antibióticos teñen un 10% de mortandade, segundo datos do Complexo Hospitalario da Coruña. Os médicos alertan de que o abuso do medicamento  é a causa da resistencia e fan un chamamento ao consumo responsable. 

O Complexo Hospitalario da Coruña atendeu o ano pasado 650 persoas que precisaron tratamentos especiais porque estaban infectadas con bacterias multirresistentes aos antibióticos. Os médicos lembran que o mal uso e o abuso do medicamento é a orixe da resistencia.

"Falariamos de bacterias multirreristentes que dan infeccións dificilmente tratable", di Germán Bou Arévalo, xefe do Servizo de Microbioloxía do CHUAC.

"Iso obríganos a recorrer a combinacións de antibióticos, ou usar outros moi novos ou moi tóxicos e mesmo os vellos que desbotáramos por toxicidade", engade Enrique Miguez, responsable da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUAC.

Nunha campaña para concenciar a sociedade do uso responsable dos antibióticos, os especialistas alertan de que as infeccións por bacterias multirresistentes poden ser mortais.

"Coñecemos as mortes por ébola, por listeria, pero a morte por resistencia a antibioticos é a gran descoñecida. Sen dramatizar, pero é importante que a xente saiba que as bacterias resistentes matan", sinala Bou Arévalo.

"Unha persoa que veña a un hospital portador dunha bacteria multirresistente pode orixinar un brote hospitalario e unha mortalidade nada desdeñable", alerta Míguez.

Segundo o Ministerio de Sanidade, entre 2015 e 2018 reduciuse o consumo de antibióticos nun 7,2 %.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019