CRTVG

Buscar

O 8-M reivindica o papel das mulleres na pandemia e alerta do aumento da desigualdade

Publicado o 08/03/2021 20:03

• Milleiros de persoas saíron ás rúas de Galicia e España en múltiples convocatorias | Sánchez promete acelerar a axenda feminista

O 8-M resiste, e para algunhas é máis necesario que nunca saír á rúa.

"Non podemos permitir que nos metan o medo no corpo. Porque temos que loitar contra un sistema patriarcal e machista que nos quere na casa"

A reinvindicación de fondo, a de cada oito de marzo.

"Igualdade entre homes e mulleres"

Pero a crise do coronavirus sacou á luz a situación de moitas mulleres polas que, din os colectivos feministas, hai que seguir loitando.

"Perdéronse moitos postos de traballo con esta pandemia, a maior parte femininos. E temos que seguir loitando"

"As mulleres vímonos na obriga de ter que deixar moitos postos de traballo, porque unha vez que pecharon os colexios e os centros de día quen se fixo cargo deses coidados fomos nós"

Os datos oficiais avalan as súas demandas. Segundo a EPA, máis da metade do emprego que se perdeu foi feminino, e segundo o último informe do INE as mulleres seguen asumindo maioritariamente o coidado de menores, maiores e dependentes. A maioría das veces sen remuneración.

"Tal e como se está xestionando a pandemia volvemos ver que o traballo das mulleres moitas veces é invisibilizado e non remunerado"

"As mulleres incorporámonos ao mundo laboral, pero o certo é que os nosos compañeiros non se incorporaron ao noso mundo"

Milleiros de persoas saíron á rúa en Galicia durante todo o dia en múltiples convocatorias para reinvindicar a igualdade e os dereitos das mulleres. Nun 8-M distinto nas formas, pero no fondo, igual.

Noticias web

08/03/2021