CRTVG

Buscar

O 75 por cento dos mozos prefiren Internet a saír de marcha

Publicado o 27/11/2019 20:24

O 75 por cento dos mozos prefire pasar o tempo libre en Internet a saír de festa, segundo unha enquisa da Fundación de Axuda contra a Drogadicción, publicada hoxe. É un informe que realizan periodicamente, para observar a evolución do tempo de lecer entre os mozos. Concretamente, neste caso, realizouse unha enquisa entre 2.000 persoas, de 15 a 29 anos e o resultado, como cabía imaxinar, é que son cada vez máis tecnolóxicos. Á parte de chatear e navegar pola Rede, tamén lles gusta ver series á carta, os videoxogos... Un cincuenta por cento aseguran que lles gusta estar cos amigos, sen máis. E cada vez son menos os que se decantan polo ocio nocturno. Só o 22 por cento recoñece facelo con frecuencia.

O botellón ten os días contados, segundo a tendencia que revela o informe. Se no ano 2000 o principal pasatempo dos mozos era estar cos amigos, hoxe en día é estar diante dunha pantalla, aínda que sexa para relacionarse cos amigos.

"Utilizo o Twitter mogollón, tamén o Instagram, pero o que máis emprego é o Drive para facer traballos". "Pode ser un problema se te obsesionas e estás todo o día co móbil ou co ordenador", comentan unha moza e un mozo, en Ourense.

Chatear e navegar pola Rede é o principal pasatempo para o 75 por cento dos enquisados. Ver series e películas á carta, os videoxogos e mesmo as compras online, figuran tamén por riba do 40%.

"Contando tamén co potencial do desenvolvemento humano, a Internet fáltalle o olor, a cor, o sabor, as texturas, os movementos... a vibración do outro... Moita información que contén a comunicación non verbal", segundo sinala a psicóloga Isabel Calle.

Só o 23 por cento se decantaron polo ocio nocturno.

"Eu sonche máis de estar dentro, pero saír de vez en cando tampouco está mal". "Tamén podes quedar cos amigos e facer o mesmo dentro da casa". "É que a min dentro da casa non me gusta estar, que me sinto atrapado", din varios mozos e mozas.

En canto á percepción que teñen de si mesmos, defínense como tecnolóxicos, traballadores e responsables.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/11/2019