CRTVG

Buscar

A campaña de vacinación entre os docentes prevé chegar ás 20.000 persoas esta fin de semana

Publicado o 27/02/2021 15:38

"En dez ou doce semanas mandaranche unha mensaxe para vir poñer a segunda dose".

Avanza a bo ritmo a campaña de vacinación entre o persoal docente menor de 55 anos. As inoculacións intensifícanse esta fin de semana, despois de que en tres días recibiran xa esa primeira dose da vacina AstraZeneca case 15.000 profesores e profesoras.

"Quince mil docentes vacinados é un número moi importante e contamos con que ao longo da semana, coa intesificación da fin de semana, está practicamente rematado o colectivo de docentes menores de 55 anos e pasemos xa outros ámbitos vencellados tamén co sistema educativo", asegura o conslleiro de Educación, Román Rodríguez.

O obxectivo é poder subministrar 5.000 doses máis esta fin de semana a este grupo de prioridade. O persoal docente está acudindo en quenda de mañá e de tarde aos hospitais galegos de referencia dos centros educativos en que traballan.

"É un proceso que estamos levando a cabo cunha grande rapidez. Nestes momentos estamos actuando sobre os menores de 55 anos porque son para os que temos subministración da vacina, deixamos para unha segunda fase, cando teñamos dotación das vacinas, os maiores de 55 anos", di Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade. 

Os primeiros datos din que o 90 % dos citados estase adherindo á campaña de vacinación. O conselleiro de Educación destaca tamén a importancia de priorizar o profesorado para que o sistema educativo sexa o máis seguro posible. A imunización deste primeiro grupo duns 55.000 docentes menores de 55 anos prevese que estea rematada na vindeira semana.

Noticias web

27/02/2021