CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Novo plan estatal de vivenda con axudas ao alugueiro e para mercar en concellos pequenos

Publicado o 09/03/2018 20:40






O Goberno aprobou un novo plan cuatrienal de vivenda con axudas ao alugueiro para xente nova, maiores de 65 anos e afectados por desafiuzamentos. Tamén inclúe axudas para que os menores de 35 anos poidan mercar unha vivenda en concellos pequenos. O Goberno fala dun programa con vocación social que podería xerar ata 60.000 postos de traballo.

Poderán acceder ás axudas ao alugueiro do Plan Estatal de vivenda os menores de 35 anos que non sexan propietarios e que gañen menos de 22.300 euros anuais. Recibirán de subvención o 50% do alugueiro que non pode superar os 600 euros mes ou os 900 en grandes cidades.

Tamén está dispoñible para os maiores de 65 anos que non teñan vivenda en propiedade nin un patrimonio de 100.000 euros ou superior. A esta axuda poderán sumar unha achega de ata 200 euros para pagar facturas do fogar. Os afectados por desafiuzamentos contarán con ata 400 euros para alugueiro.

Pero o plan de vivenda tamén inclúe axudas para que os menores de 35 anos poidan mercar a vivenda habitual en concellos de menos de 5.000 habitantes. O prezo non poderá superar os 100.000 euros, dos que se financiará un máximo do 20 por cento.

"Un plan cunha enorme vocación social, decididamente orientado a satisfacer as necesidades reais das persoas e centrado en favorecer por un lado o alugueiro e por outro a rehabilitación e rexeneración urbana e rural", di o ministro de Fomento.

O Plan cuatrienal de vivenda 2018-2021 tamén inclúe programas para aumentar o parque de vivenda, unha medida que o Goberno confía en que permita crear 60.000 postos de traballo. As axudas estarán cofinanciadas polas comunidades autónomas e terán caracter retroactivo desde o 1 de xaneiro deste ano.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

09/03/2018