CRTVG

Buscar

Novo accidente na rotonda 'pantasma' de Xinzo

Publicado o 26/02/2020 14:04

A rotonda pantasma de Xinzo volveu sorprender outro condutor. Este non ía bébedo, pero un descoido fixo que saltara por riba da rotonda para ir chocar, a continuación, contra dous coches que estaban aparcados.

Lucía foi a que avisou o 112. Vive ao lado da rotonda pantasma e, desde a porta da súa casa, presenciou o último accidente.

Lucía Santiago, testemuña do accidente: "Nós saïamos da casa, onte á tarde, e vimos vir un coche contra a rotonda. Fixo un salto e empezou a botar chispas. Enseguida veu para este lado e chocou cos coches que estaban aparcados, contra este e con outro que xa o levou o guindastre".

O condutor díxolles aos axentes que se despistara coa radio do coche. El foi o único ferido. Atendérono no PAC de Xinzo por lesións leves.

"E vimos que o señor saíu polo seu propio pé. Eu xa estaba chamando ao 112, que veu en cuestión de minutos. Só sangraba un pouco polo ollo", explica Lucía.

O accidente foi algo antes das oito da tarde, igual que o ocorrido hai dúas semanas, pero cunha diferencia importante. No caso anterior, o condutor quintuplicaba a taxa de alcol.

"Pero aquel viña cargado a tope. Home, para dicir que non había rotonda cando pasou!", ri un veciño.

Tanto se comentou o caso en Xinzo que foi obxecto de máis dunha parodia no Entroido da vila: "Viñemos ata Xinzo e atopamos unha rotonda que antes non estaba. Nós non a vimos, eh?".

O Entroido remata pero a rotonda segue aí, poñendo a proba a pericia dos condutores.

Noticias web

26/02/2020