CRTVG

Buscar

O Ministerio de Industria ten un investidor e insta a Alcoa a que paralice o ere

Publicado o 28/07/2020 08:47

Hai investidor para San Cibrao, púxoo sobre a mesa o Goberno, que lle pide a Alcoa que paralice o ere, un requirimento en que coincide coas prioridades de Xunta e traballadores. A multinacional di que non está pechada á venda, pero insiste en que é urxente parar as perdas, e que un proceso de tal calibre leva tempo.

Na última videorreunión que abordou o futuro da factoría de aluminio de San Cibrao, o Ministerio de Industria solicitoulle a Alcoa que negocie co investidor que, di, está interesado en mercar a planta. Segundo o Goberno, hai un proxecto alternativo que apostaría pola enerxía renovable e cun investimento que garantiría a rendibilidade no futuro.

A multinacional asegura que non está pechada a tal proposta, pero matiza que un proceso así require tempo. Lembra as perdas, que cuantifica nun millón de euros á semana, que di que é urxente frear. Deste xeito, a compañía insiste en parar as cubas, alegando a maiores que non ten concreción sobre a oferta.

O comité de empresa pide o compromiso de que haxa reunións entre as partes implicadas nesta posible venda e as administracións. E ten outra urxencia: parar o ere previsto para 534 traballadores.

A Xunta pide tempo para analizar as condicións e requirimentos que permitirían pechar a operación.
"Pedímoslle ao Goberno a constitución dun grupo de traballo para identificar requirimentos, e trasladámoslle a Alcoa un aprazamento dentro do período de negociacion para traballar con todas as partes".

O período de consultas do ere continúa, polo de agora, coa data límite do 4 de agosto. 

Noticias web

28/07/2020