CRTVG

Buscar

Nove persoas falecen en Galicia a causa da covid-19 e medra a presión hospitalaria

Publicado o 22/10/2020 20:17

Nove persoas que foran diagnosticadas por coronavirus faleceron en Galicia nas últimas 24 horas, segundo informa o Sergas.

Os falecidos son un home de 95 anos e outro de 71 que morreron no Hospital Clínico de Santiago; unha muller de 60 que faleceu no Complexo Hospitalario de Pontevedra; catro homes de 92, 81, 80 e 76 e unha muller de 87 que faleceron no Hospital de Ourense e outro home de 92 que morreu na Clínica Santa Teresa de Ourense

Dous dos falecidos procedían da residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar. Trátase do home morto na clínica Santa Teresa de Ourense e doutro de 76 anos que faleceu no CHUO. Da residencia Virgen Blanca de Ourense procedía o home de 80 anos morto no Hospital e Ourense. 

En total desde que se declarou a pandemia, 856 persoas faleceron en Galicia por causa da covid-19, 237 nesta segunda vaga.

Galicia suma nunha semana 1.106 casos activos e aumenta a presión hospitalaria

Galicia sumou nunha semana 1.106 casos activos de coronavirus. Ourense e Santiago rozan os 80 novos contaxios nas últimas 24 horas, un pouco menos ca en días anteriores, pero volven subir nas áreas sanitarias de Vigo, Ferrol e Lugo.

Fontes do comité clínico din que se está facendo un grande esforzo diagnóstico, que se realizan moitas máis probas PCR ca na primeira vaga da pandemia.

"As PCR son o xeito de diagnosticar. O obxectivo é sempre diagnosticar todos os casos posibles para detectar todos os contactos e illalos. Niso se está traballando. Insistimos moito en facer grande cantidade de PCR e estanse facendo", aseguraba o membro do comité clínico, Pedro Rascado.

Con todo aumenta a presión hospitalaria en Galicia ata os niveis de finais de maio. O hospital universitario de Ourense ten unha elevada ocupación das unidades de críticos por mor da covid-19 e comezou a suspender as operacións cirúrxicas non urxentes.

Preocupante é o gromo na unidade de Oncoloxía do hospital provincial de Pontevedra. Suma 23 casos, aínda que os responsables da área sanitaria non informan cantos son doentes e cantos sanitarios. No hospital de Montecelo faleceu unha das enfermas infectadas, aínda que o centro asegura que tiña un cancro terminal e que a covid-19 non influíu no deceso.

E soben ata 435 os casos de coronavirus en residencias tras detectarse na de Salvaterra de Miño un gromo que afecta 25 usuarios e tres traballadores.

A residencias con máis contaxios segue sendo a dos Gozos, no Pereiro de Aguiar con 153 usuarios e 41 traballadores infectados. Fontes da fundación San Rosendo, que xestiona o centro, confirma que faleceron 22 maiores.