CRTVG

Buscar

Nove de cada dez alumnos da FP Dual atopan traballo

Publicado o 26/11/2019 13:56

O 91% dos estudantes de Formación Profesional Dual atopa traballo, segundo dixo a conselleira de Educación nunhas xornadas celebradas en Santiago. A conselleira animou a fomentar este tipo de estudos, que segundo directivos de empresas e profesores está a medrar ano a ano.

A Formación Profesional Dual, a que se desenvolve ao mesmo tempo en centros académicos e en empresas do sector, gaña alumnos cada ano, segundo expuxeron profesores e empresarios na primeira xornada técnica deste tipo de FP en Galicia. A conselleira de Educación destacou que este incremento supón un aumento da inserción laboral.

"A insercion laboral dos estudantes da Formación Profesinal é de máis do 85%, mentres que no caso da FP Dual estamos a falar xa do 91%", dixo Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A conselleira animou a seguir avanzando neste tipo de estudos, que en Galicia teñen ciclos específicos como o do mar, mentres que directivos de grandes empresas como Navantia subliñaron a necesidade de mozos con formación específica para adaptarse aos cambios laborais e sociais.

"Os alumnos cos que estamos traballando serán unha parte primodial e esencial, seguro que serán protagonistas do cambio", sinalou José Filgueira Ameneiro, director do estaleiro Ría de Ferrol Navantia.

Nas xornada presentouse a primeira guía informativa sobre a FP Dual, unha ferramenta que pretende clarificar as competencias dos institutos de ensino e das empresas nas que se forman os alumnos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/11/2019