CRTVG

Buscar

Novas sancións por exceso de velocidade na Rolda da Muralla de Lugo

Publicado o 09/01/2020 13:26

En marzo hai dous anos da posta marcha do límite a 30 km/h na Rolda da Muralla de Lugo. E semella que os lugueses non acaban de adaptarse a esa velocidada na vía con máis tráfico da cidade. Só no que vai de ano, 40 condutores foron sancionados por exceso de velocidade. Foron detectados nos controis de tráfico periódicos que realiza a Policía Local. 

"É difícil ir a 30, cando te das conta igual xa vas a 50 e a 33 salta"; "Queren poñer todo o centro a 30 non é normal, eu teño un coche de 200 cabalos é imposible ir a esa velocidade"; "Vas despistado falando e rebasar os 30 coa velocidade que teñen os coches é doado"; "Penso que se hai uns límites hai que respectalos, e quen non o faga está ben que os sancionen"; "Nunca nos vai gustar a todos a velocidade que poñan, os que saben diso son os que teñen que marcala e se é a 30 está ben".

A maioría dos infractores superaban os 50 quilómetros por hora. Precisamente esa era a velocidade á que estaba limitada a vía anteriormente e a que seguen a defender moitos usuarios: "A 30 paréceme baixa, porque a rolda non é unha rúa perigosa, todos os pasos de peóns están regulados por semáforos"; "En toda a rolda é esaxerado, ao mellor en puntos concretos, si"; "É unha velocidade baixa, a 50 estaría ben"; "En parte está ben polo tema das bicicletas e das persoas maiores, pero mellor a 50".

O límite a 30 poñíase en marcha para mellorar a convivencia na vía entre vehículos, peóns e ciclistas. Radares fixos e controis periódicos velan para que se cumpra. Duplicar esa velocidade, ademais dunha sanción económica, supón a retirada de puntos do carné.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2020