CRTVG

Buscar

Catro novas mortes nunha xornada de récord con 1.343 novos contaxios en Galicia

Publicado o 16/01/2021 19:56

• Trasladan dous pacientes dende a UCI do hospital de Ferrol ata a unidade críticos en Lugo

• A presión asistencial segue estable e os falecidos superan os 1.500 

• Supéranse os 75.000 contaxiados desde o mes de marzo

 

Nas últimas horas, Sanidade notificou a morte de 4 persoas por mor do coronavirus. Trátase de tres homes que faleceron no CHOP, no hospital de Verín e no CHUS e que tiñan 66, 98 e 81 anos, respectivamente. No hospital clínico de Santiago tamén faleceu unha muller de 87 anos. Con estas mortes a cifra de falecidos dende o inicio da pandemia ascende a 1.503. 

A terceira vaga da covid-19 segue en Galicia a ritmo de bater marcas negativas con 11.666 casos activos, con datos do Sergas do venres ás 18:00 horas, cun salto de máis de 800 respecto á xornada anterior.  Desde o mes de marzo 75.010 persoas infectáronse con coronavirus (aínda que nas cifras non se inclúen os asintomáticos).

As novas infeccións diagnosticadas por PCR son 1.135 con 10.132 probas realizadas. O total de novos positivos con todas as probas son 1.343. A positividade sobe así ao 12,9 por cento. O único dos baremos que ofrece un certo respiro é o da presión hospitalaria que se mantén con 506 persoas ingresadas en planta (+1) e nas UCI con 91(+1).

Nas últimas 24 horas houbo 527 altas e 61.853 persoas xa superaron a infección.

Situación por áreas sanitarias

Soben os casos activos en todas as áreas sanitarias, cun incremento maior nas da Coruña (+261 diagnosticados por PCR) e Vigo (+255 tamén con PCR). A incidencia segue alta tamén na área de Santiago, que segue por riba dos dous mil cen casos activos, e na de Ourense, que supera os 1.600. Tamén se incrementan os casos activos na de Ferrol, que saltan aos 909, cun volume considerable detectado en probas PCR, 140.

En menor medida avanza Lugo, que pasa de 992 a 1.031, e Pontevedra, que tamén evoluciona mellor e avanza de 907 a 954 positivos activos, co dato máis baixo de PCR positivas, 82.