CRTVG

Buscar

Nova sentenza contra Tráfico por non aplicar a marxe de erro do radar

Publicado o 03/03/2019 21:20

Un radar fixo detectou a condutora circulando a 91 km/h nunha zona limitada a 60. Cando recibiu a multa, decatouse de que Tráfico non aplicara a marxe de erro e, en lugar de impoñerlle 100 euros de sanción, pedíalle 300 e a retirada de 2 puntos. Reclamou pola vía administrativa sen éxito pero non desistiu. Agora, a titular do contencioso número 3 de Pontevedra dálle a razón.

" As consecuencias para a defendida foron a redución da sanción económica e a non detracción dos puntos do carné que lle corresponderían de non terse aplicado a marxe de erro que dispón a norma", explica Javier López Romero, avogado da condutora. 

A sentenza volve poñer de manifesto que os radares non son medidores precisos. Para impoñer unha multa por exceso de velocidade, Tráfico debe aplicar a marxe de erro establecida pola norma. Nas estadas convencionais, ten que restarlle 5 quilómetros á velocidade captada por un radar fixo e 7 no caso de que sexa un aparello móbil.

" A marxe que hai que aplicar é a que establece a norma e non a que se ten en conta para determinar se os aparellos son válidos para facer as medicións", engade o letrado.

A organización de Automobilistas Europeos Asociados leva tempo denunciando a imposición de multas de velocidade por riba da lei. Como sucedeu noutras sentenzas, nesta última Tráfico tamén debe pagar os custos do xuízo polas molestias ocasionadas. Porque, en definitiva, a condutora só pedía que se aplicase de xeito correcto o importe da sanción.

Noticias web

03/03/2019