CRTVG

Buscar

Dous falecementos e tres novos contaxios na residencia de Outeiro de Rei

Publicado o 17/09/2020 21:03

Hoxe é o primeiro día de restricións nos concellos de Marín e de Silleda, co obxectivo de frear os contaxios. No interior de comercios e locais de hostalería, a ocupación está limitada ao 50 % e nas terrazas a ocupación é do 75 %. Estas medidas aplícanse ante o incremento de casos nestes dous concellos durante os últimos días. Estes focos converteron Pontevedra na provincia con máis veciños afectados por limitacións.

Nova semana de restricións en Lugo

Con ou sen medidas, os lugueses prefiren ocupar as terrazas e baleirar o interior dos establecementos hostaleiros.

"Hai máis espacio entre a xente ca dentro"; "moito máis seguro"; "un 10 por cento dentro e un 90 por cento fóra, é o que hai agora".

A cidade suma xa 20 días con restricións sanitarias, e os cidadáns viven a situación con normalidade.

"Penso que o estamos levando ben todos"; "estupendo, canto máis control, mellor"; "se é por cuestións de saúde, estupendo"; "véxoo ben por seguridade".

O gromo lugués está acoutado pero non superado. Reducíronse os contaxios e non hai transmisión comunitaria, pero segue habendo novos positivos e hospitalizados.

"Estes positivos están asociados a casos que xa coñecemos, polo que mantemos a trazabilidade, hai que manter a vixilancia e as medidas, e por iso seguimos coas restricións", di Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña.

A residencia de Outeiro de Rei suma dúas mortes

Dende hoxe tamén se permiten as visitas ás residencias de maiores, excepto a aquelas en que hai gromos, como a do Incio, onde a situación está estabilizada, ou a de Outeiro de Rei, onde se rexistraban dous novos falecementos e tres novos contaxios entre os usuarios.

Con estas mortes, xa son dez os anciáns desta residencia que perderon a vida desde que se detectou o primeiro positivo, a mediados de agosto. Vinte e un traballadores están tamén en corentena contaxiados co virus.

Noticias web

17/09/2020