Co confinamento domiciliario sobre a mesa, as comunidades seguen a aumentar as restricións
O consello interterritorial volve analizar este mércores a situación epidemiolóxica do país. Goberno e comunidades estudarán a eficacia das restricións actuais. Tamén estará sobre a mesa o posible confinamento domiciliario, proposto xa por Asturias, Melilla e Ceuta, e que tamén defenden algúns epidemiólogos.
Daniel López Acuña, exdirector de Asistencia Sanitaria en Crises da OMS, di que "o toque de queda e os confinamentos perimetrais quedan curtos para frear a transmisión". E recomenda "un confinamento domiciliario que reduza a interacción entre persoas".
Ademais, na reunión abordarase a petición de Madrid de permitir peches perimetrais de menos de 7 días.
Ignacio Aguado, vicepresidente da Comunidade de Madrid, defende as medidas que aplican na rexión. "O que intentamos evitar coas medidas é chegar a un confinamento total, ten que ser a última opción", explica.
Á espera de novas resolucións, algunhas comunidades continúan endurecendo as restricións. As últimas en facelo, Murcia, que pechará a hostalería a partir do sábado, e Cantabria, que confina todos os seus municipios.