CRTVG

Buscar

Nova reunión da mesa multisectorial de Alcoa

Publicado o 27/07/2020 23:46

A reunión comezou ás sete e arestora continúa. Polo momento, o que transcendeu é que o Goberno central ía expoñer neste encontro o proxecto industrial e enerxético para que a factoría de San Cibrao teña futuro.

Precisamente a de coñecer os detalles dese plan anunciado a semana pasada é unha das reclamacións do comité de empresa antes de comezar a reunión. Os representantes dos traballadores tamén lle piden ao Executivo que explique como vai forzar a Alcoa para que dea marcha atrás co ere ou para que se bote a un lado e sexa outra empresa a que continúe.

Tamén antes do encontro, o conselleiro de Economía comprometía todos os mecanismos de política industrial da Xunta, pero Francisco Conde apuntaba que o punto de partida ten que ser un prezo competitivo da enerxía e recordaba que levan agardando máis dun ano a que o Goberno poña en marcha o estatuto das empresas electrointensivas.

A reunión da mesa multisectorial de Alcoa chega despois de que o venres a multinacional aceptase ampliar o período de negociación do ere para máis de 534 traballadores ata o próximo luns 4 de agosto. A postura que non mudou a multinacional é a de parar as cubas para paliar as perdas económicas e como paso previo a unha posible venda da factoría. Pero os traballadores insisten en que parar as cubas na práctica suporía o peche definitivo da factoría, non sería viable nin a venda a outra empresa.

Noticias web

27/07/2020