CRTVG

Buscar

'Nomadland', 'The Crown' e 'Gambito de dama' triunfan nuns Globos de Ouro atípicos

Publicado o 01/03/2021 06:52
'Nomadland', 'The Crown' e 'Gambito de dama' triunfan nuns Globos de Ouro atípicos

A segunda directora galardoada en 78 anos

Case un par de meses despois do habitual, sen alfombra vermella, sen desfile de estrelas, cos candidatos na súa casa e presentada desde dúas cidades, a 78 edición dos premios que concede a Asociación da Prensa Estranxeira abríu a tempada de galardóns en Hollywood. Nomadland, o filme sobre a nova precariedade laboral, que aspiraba a catro globos de ouro, fíxose cos de mellor drama e dirección para Chloé Zhao, a segunda muller que o consegue na historia dos galardóns. Impúxose a Mank e O xuízo dos 7 de Chicago, as grandes derrotadas.

Andra Day, que non figuraba nas quinielas, foi recoñecida como mellor actriz dramática polo seu papel en Os EUA contra Billie Holiday, e na categoría de mellor actor o premio foi para Chadwick Boseman, falecido o ano pasado con 43 anos, pola súa interpretación en A nai do blues; o agradecemento da viúva foi o momento máis emotivo da gala. Borat, película film secuela, dirixida e protagonizada por Sacha Baron Cohen, levou os globos á mellor comedia e ao mellor actor de comedia: el deulle as grazas a "toda a branca" Asociación da Prensa Estranxeira e sumouse ás críticas porque non ten ningún membro negro, con dardo tamén para Donald Trump ó dicir que "impugnou o resultado asegurando que votou moita xente de fóra".

En televisión, tal como se prevía, The Crown coroouse como mellor drama, con premios ademais para tres dos seus actores: Emma Corrin, Gillian Anderson e Josh O’Connor. E Schitt’s Creek, a gran gañadora dos Emmy, fíxose co galardón como mellor serie de comedia. O de mellor miniserie foi para Gambito de dama, que espertou unha auténtica febre polo xadrez nos EUA e que sumou outro recoñecemento para a súa protagonista, a arxentina Anya Taylor-Joy. Os tres títulos son de Netflix.