CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

É no transporte onde se nota máis seu efecto da folga feminista

Publicado o 08/03/2018 14:48

Este día de folga feminista déixanos poucos incidentes no conxunto de España, máis alá dalgún corte de tráfico nalgunhas das principais capitais. É no transporte precisamente onde se nota máis o seu efecto, pola cancelación dalgún servizo. UXT e Comisións Obreiras calculan que en toda España 5,3 millóns de persoas se sumaron aos paros. En Galicia os servizos mínimos estanse a cumprir.

Aínda que as asociacións convocantes desta protesta xa dixeron que non valorarían a súa repercusión nas cifras de seguimento da folga, xa que non se trata dun paro convencional, é inevitable facer contas. UXT e CCOO, falan de que 5,3 millóns de persoas se sumaron aos parlos laborales convocados nesta xornada de folga feminista.

No comercio, un sector no que o emprego feminino é maioritario, desde a Federación Nacional de Traballadores Autonómos falan de escaso seguimento, que tamén estenden á hostelería. Con todo, si vimos algúns establecementos coma estes de Santiago que hoxe non abriron as súas portas.

En canto ao transporte, tanto Renfe como Aena aseguran que non rexistran incidencias. Os servizos mínimos estanse respectando. Si se cancelaron 105 trens AVE e longa distancia, e 199 de media distancia, que nalgúns casos poden afectar ás comunicacións con Galicia. Nalgunhas cidades si asistimos a cortes de estradas. Ocorreu en Barcelona ou en Valencia. A DXT fala dun día de tráfico habitual.

En canto a Galicia, os servizos mínimos estanse cumprindo. Na Educación establecérase que os centros non universitarios públicos e concertados deberían permanecer abertos, e así está sendo, atendidos chegado o caso polo equipo directivo para permitir que os alumnos estivesen coidados. Tamén contan co servizo de comedor.

O transporte escolar funciona con normalidade, figurando como servizos mínimos os buses das entradas e saídas dos centros.

Na Sanidade estaban convocados o 100 por cento dos traballadores dos servizos de urxencias e gardas, así como os quirófanos para as intervencións máis urxentes. Na atención primaria establecíase tamén o 100 por cento de cobertura de urxencias, e un mínimo do 25 por cento dos médicos dos centros de saúde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí