No Partido Popular negan o acordo co Goberno para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial
O Goberno asegura que lles vai dar un prazo aos populares para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Hai uns días o goberno aseguraba que se chegara a un acordo co Partido Popular para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial e que so faltaba o anuncio público deste pacto por parte do PP. Pero Teodoro García Egea, secretario xeral dos populares, nega rotundamente que se alcanzase tal acordo.
E cal sería a alternativa? Pois o Executivo di que se non hai pacto para a renovación do órgano de goberno dos xuices optará por reformar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para poder facer os cambios sen o PP e eliminara o requisito da maioría reforzada de tres quintos para aprobar calquera renovación.
Lembren que este amago de cambiar a lei xa se anunciara este pasado verán e espertara as alarmas mesmo da Comisión Europea, que non o miraba con bos ollos. En calquera caso, os analistas non cren que se faga ningún movemento ou se chegue a ningún acordo ata despois das eleccións catalás, fixadas en principio para febreiro de 2021.