CRTVG

Buscar

No conxunto do Estado, a progresión da pandemia segue imparable

Publicado o 18/10/2020 14:54

As cifras en Cataluña son semellantes ás de onte: 2.836 novos contaxiados e 16 falecidos. Neste contexto, desde a Generalitat admiten que o que máis lles preocupa é a progresión crecente do número de hospitalizados, que se sitúa en 1218, con 213 pacientes graves nas UCI.

En Euskadi detectáronse 743 novos casos e este sábado batiuse o récord de probas realizadas: máis de 12.000 analíticas nun día con especial atención ás doce localidades que están en alerta vermella, como é o caso de Azpeitia.

"Estamos preocupados, si. Logo a xente moza parace que non quere os maiores e estamos sufrindo un pao tremendo", di un home da vila.

"Hai que facelo, moito mellor aquí na localidade, xa podemos ir libremente. O que estea ben, ben, e o que non a refuxiarse na casa", comenta unha veciña.

En Navarra hai un descenso no total de contaxiados, pero a taxa de positividade nas probas PCR segue sendo moi alta.

Na comunidade máis poboada, en Andalucía, o virus golpea especialmente tres provincias: Sevilla, Granada e Málaga. Hai casos excepcionais, como o desta vila malagueña, Cuevas de San Marcos, onde se detecta unha taxa de incidencia superior, en porcentaxe, a 2.000 casos por cen mil habitantes. Isto é o que comentan dous veciños da localidade: "A xente está asustada e vese menos xente nos bares, nas tendas. Sae comprar o mínimo"."Sae un menos á rúa, relaciónase un menos, intenta un ter moito máis coidado".

A última hora da mañá, o Goberno andaluz informaba da existencia de 2.577 novos infectados e nove mortos, unha cifra inferior á de onte, pero que é a peor nun domingo desta segunda vaga.

Noticias web

18/10/2020