CRTVG

Buscar

Nissan fai oficial o peche da súa factoría de Barcelona, e di que "non hai volta atrás"

Publicado o 28/05/2020 09:02

O anuncio chegaba a primeira hora da mañá desde O Xapón. Makoto Uchida, conselleiro delegado de Nissan, anunciaba a intención da compañía de pechar 3 das 5 factorías que ten en España, as 3 en Barcelona.

3.000 traballadores e outros 20.000 empregados de provedores e subcontratas vían confirmados os seus peores augurios e anunciaban mobilizacións para forzar unha rectificación. O Executivo "lamenta" a decisión, segundo informou o Ministerio de Industria, que propuxo á presidencia da firma xaponesa crear un grupo de traballo para buscar alternativas á fábrica.

Nada máis coñecerse a noticia arredor de 1.000 traballadores de Nissan concentráronse nos exteriores da planta da Zona Franca de Barcelona, e quedaron na porta principal. É a resposta dos traballadores de Nissan ao anuncio do grupo nipón. "Deixáronos morrer. Levamos anos dicindo que nos quitan os coches, que os levan a Francia, que os levan a Inglaterra", aseguraba Juan Carlos Vicente, presidente do comité de empresa

Juan Carlos Vicente, presidente do comité de empresa de Nissan, lembrou que "levamos desde 2009 facendo plans de competitividade e acordando empeoramentos sociais e salariais para facer esta planta competitiva. E non capaces. Estannos deixando morrer e non o imos consentir"

A Generalitat instou a Nissan a asumir as súas responsabilidades, tras recibir nos últimos anos 25 millóns de euros en axudas públicas. Quim Torra di que farán fronte común co Goberno para negociar coa dirección da empresa: "esta mañá falei co presidente Sánchez. Comprometímonos a falar e activar todos os mecanismos e iniciativas posibles para resolver o grave problema que se nos presenta. E así o faremos".

A irrupción do coronavirus foi a guinda a anos de decadencia: a caída do mercado de furgonetas e o fracaso dalgúns modelos levou as plantas barcelonesas a operar a un 20% da súa capacidade. Pesou tamén a decisión de deixar en mans de Renault, o outro socio da compañía, o mercado europeo e o impulso ao vehículo eléctrico.

Nissan manterá abertas as factorías de Ávila e Cantabria: se nada cambia, en decembro rematarán 60 anos de presenza en Barcelona.

O ministerio sostén que a continuidade da planta de Barcelona é posible mediante o plan de viabilidade presentado hai uns meses á presidencia de Nissan Motor Company Limited e elaborado de maneira conxunta por Industria e a Generalitat de Cataluña, co apoio do Concello da Cidade Condal e o Consorcio Zona Franca.

Nissan designa a Frank Torres para xestionar o desmantelamento

A automobilística Nissan designou a Frank Torres, que foi director de operacións da firma en España hai uns anos, para xestionar o proceso de desmantelamento da planta da Zona Franca.

Frank Torres foi o máximo directivo de Nissan en España na época en que a fábrica conseguía adxudicacións de modelos por parte da matriz, como a furgoneta eNV200 e o Nissan Pulsar, tras tomar as rendas en 2011.

O Goberno trata de buscar unha solución

O Goberno lamenta o anuncio do peche de Nissan e di que trata de buscar unha solución. Ofrécese a negociar coa empresa, coa Generalitat e cos sindicatos para evitar o peche inmediato da súa planta en Barcelona.  

Nadia Calviño., vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital: "Lamentamos, evidentemente, unha noticia que non é positiva. Imos seguir traballando coa empresa, e tamén coa Generalitat, co consorcio da Zona Franca, co Concello de barcelona, cos sindicatos... para ver como podemos encauzar este proceso ou buscar unha solución alternativa".

O PP atribúe o peche á "temeridade" do Goberno

Pablo Casado considera que a decisións é unha consecuencia da "demonización da esquerda", di, á industria do motor. Nun chío mantén que Sánchez tamén enganou os traballadores, aos que lles prometeu mantener os empregos. 

O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, asegurou este xoves que o peche da planta de  Nissan en Barcelona é consecuencia da "temeridade" do Goberno e as súas medidas, polo que é o Executivo o que destruíu "directamente" estes empregos.

Nunha entrevista en Onda Madrid, García Egea referiuse a medidas como as restricións sobre o diésel ou a corentena aos turistas estranxeiros que fixeron "grave" dano á economía española e que teñen como consecuencia este tipo de peches.

"Estes postos de traballo destruíunos directamente o Goberno coas súas irresponsabilidades", afirmou o número dous do PP, por impulsar que as empresas teñan "máis cargas burocráticas e fiscais" e non saber que o máis importante que ten España é a súa capacidade de atracción de investimentos.