CRTVG

Buscar

Nas Baleares superan o confinamento varias áreas de Palma e Eivisa

Publicado o 04/10/2020 22:00

As Illas Baleares conseguiron frear a incidencia da pandemia. Hoxe contabilizaban 103 contaxios e dous falecidos. O máis significativo é que este domingo zonas de Mallorca e Eivisa estreaban nova normalidade. Por exemplo catro barrios de Palma, cuns 40.000 habitantes, superaban o confinamento con pouca animación en rúas e terrazas. En xeral, a percepción é que todo está "moi tranquilo, sen grandes cambios aparentes". Algún mesmo pensou que o confinamento ía ser peor: "Crin que mesmo se ía pechar o barrio con valos, por dicilo dalgunha forma".

Estes catro barrios, que integran a área sanitaria de Son Gotleu, tiveron medidas excepcionais durante dúas semanas. Non só remata o confinamento perimetral, senón que bares e restaurantes poden abrir máis aló das dez da noite. Os propietarios dos establecementos din que traballaron ao 30 % e algúns clientes retoman os costumes dominicais: "Aquí entretido. Xa que nos deron tanta liberdade, podemos ver o fútbol completo".

Tamén en tres zonas de Eivisa retornaban á normalidade máis de 20.000 persoas. Entre as novidades, a apertura de parques e xardíns. "A verdade, paréceme ben, porque eu teño un neno de dous anos e non encontraba que facer con el", comenta un pai.

No Goberno balear din que a situación pandémica mellora, pero que segue lonxe de ir ben.

Noticias web

04/10/2020