CRTVG

Buscar

Nace a bisneta no día do aniversario da bisavoa e coñécea por videochamada

Publicado o 22/04/2020 14:36

As sirenas dos servizos de urxencias soaron en Monforte para felicitara  Adela Martínez,  que onte fixo 97 anos confinada na súa casa. Pero o mellor agasallo estaba por chegar.

Adela ten 3 fillos, 3 netos, dous bisnetos e unha terceira en camiño, Alma. Pero co que non contaba Adela era con que Alma ía vir ao mundo o mesmo día do seu aniversario. Naceu no hospital de Lugo por cesárea e non lle dixeron nada a Adela para non preocupala, pero despois de soprar as candeas, chegaba o agasallo a través dunha videochamada.

"A ver, avoa, imos facerche un agasallo de aniversario moi bo. Vas coñecer unha persoa moi importante. Ensínalle, Antía. Mamá, dálle", dille a neta.

E Adela non foi quen de conter a emoción.

"Sabes quen é?, é Alma!". "É Alma, non me digas, mira... é Alma!". "Coidado que te están gravando". "Pero cando naceu?" "Hoxe ás 11, hoxe pola mañá". "Oi, que grande, grandísima...". "A ver, dille ola a Alma". "A ver, ola, Alma!... Ola, cuchichiña... Ai que fermosa!", di a bisavoa.

Pero as sorpresas para Adela aínda non remataran. Despois de coñecer a sua terceira bisneta acabada de nacer, os seus veciños tamén quixeron felicitala e organizáronlle unha festa desde os balcóns e a beirarrúa. Adela, emocionada, baixou á rúa para agradecerlles o xesto.

Noticias web

22/04/2020