CRTVG

Buscar

Na fase 3 elimínanse as franxas horarias e permítense xuntanzas de ata 20 persoas

Publicado o 30/05/2020 15:08

O BOE publica este sábado ás novidades da fase 3, que estrean este luns Formentera, Hierro, A Graciosa e A Gomera, a libre circulación segue restrinxida á provincia ou, neste caso, á illa. Elimínanse as franxas horarias e aumenta o límite das xuntanzas de ata 20 persoas de distintas procedencias.

As vodas e comuñóns poden celebrarse cun máximo de 150 persoas ao aire libre e 75 en espazos pechados. Amplíase ata 25 o límite de asistentes a velorios e enterros. E os lugares de culto abren as súas portas ao 75 por cento da súa capacidade.

O comercio retallista incrementa a clientela ata o 50% e os mercados ao aire libre xa poden instalar a metade dos postos habituais. Canto aos centros comerciais, as tendas amplían a súa capacidade ata o 50% e as zonas comúns quedan no 40%.

Os hoteis, bares e restaurantes xa poden funcionar ao 50% da ocupación e as terrazas incorporan mesas ata o 75% do total adxudicado o ano anterior. Porén, os locais de ocio nocturno continúan pechados.

As bibliotecas, museos e monumentos xa traballan ao 50% da súa capacidade. Tamén os cines, teatros, auditorios, salas de exposicións ou circos sempre que conten con butacas preasignadas e non superen a metade da ocupación que teñen autorizada.

Canto a novas aperturas, na fase 3 retoman a actividade os centros recreativos turísticos, os zoolóxicos, os acuarios e os locais de xogo e apostas. Do mesmo xeito, botan a andar con limitacións os campamentos infantís e xuvenís. E, coma sempre, todos estes avances só se permiten tomando as medidas hixiénicas e de protección oportunas.

Noticias web

30/05/2020