CRTVG

Buscar

Multa por condución temeraria para un santiagués despois de que colgara un vídeo en redes sociais

Publicado o 13/06/2019 14:41

A Policía Local de Betanzos multa un condutor, veciño de Santiago, por condución temeraria. Foi tras comprobar a infracción a través dun vídeo subido ás redes sociais. O condutor adiantou unha ringleira de vehículos que estaban parados nun atasco polo carril contrario. 

Os feitos ocorreron nesta vía de entrada a Betanzos. A coincidencia do semáforo situado na Ponte Nova cunhas obras de acondicionamento no barrio da Ribeira, provocaron un atasco de tráfico que o condutor intentou esquivar de xeito temerario.

Xosé Henrique Fidalgo, inspector xefe da Policía Local: "Na Avenida da Coruña había un grupo de vehiculos esperando o semáforo e adiantounos. Non a unha velocidade elevada, pero suficiente para causar un grave accidente se naquel momento ven outro vehículo de fronte. A grandísima sorte foi que nese momento non viña ningún".

Foi a colaboración dun condutor que tamén estaba nese momento no atasco o que permitiu identicar o infractor, que finalmente resultou ser un veciño de Santiago. Gravou un vídeo e subiuno a unha canle de YouTube, onde foi visto polos axentes da Policía Local.

Xosé Henrique Fidalgo, inspector xefe da Policía Local: "Fomos ralentizando as gravacións, fomos comprobando a matrícula, contactamos telefonicamente e foi así como se procedeu á denuncia por condución temeraria con 500 euros e a retirada de seis puntos do carné de conducir".

A Policía Local de Betanzos estuda a posibilidade de colocar máis cámaras de vixilancia nas principais entradas e saídas da vila.

Noticias web

13/06/2019