CRTVG

Buscar

Mostras de solidariedade e consternación a través das redes sociais

Publicado o 26/01/2019 09:51

As homenaxes ao pequeno Julen repítense por todo o país, especialmente a través das redes sociais. Persoeiros públicos, corpos de urxencia, pero sobre todo moitos cidadáns anónimos quixeron a través de chíos e distintas imaxes despedirse de Julen e á vez render un recoñecemento a todos aqueles que traballaron sen descanso ao longo destes 13 días para recuperar o corpo do pequeno. 

A Casa Real trasladaba o seu pesar pola morte de Julen. Na súa conta oficial de Twitter escribía: "A nosa dor máis profunda e o noso pésame máis sentido a toda a familia de Julen" e amosaba o seu recoñecemento ás persoas que traballaron "sen descanso" durante estes días nos labores de rescate... 

O presidente do Goberno tamén expresaba o seu "apoio e cariño aos pais e aos seres queridos do pequeno". "Toda España se suma á tristeza infinita da familia de Julen", escribía, e engadía: "Sempre agradeceremos o incansable esforzo de quen o buscaron".

O presidente do PP, Pablo Casado, sumábase ás mostras de pesar. Subliñaba a profesionalidade dos equipos de rescate e lamentaba estes momentos de "indescritible dor".

O líder de Ciudadanos, Albert Rivera, trasladaba a través da súa conta de Twitter o "seu cariño e ánimo" á familia ante "un momento tan terrible", dicía... Desde Podemos lamentaban que "finalmente non foi posible o milagre que uniu a todo o país nun fío de esperanza".

O ministerio do Interior e a Garda Civil expresaron tamén o pésame e as condolencias á familia e amosaban o seu recoñecemento "ao esforzo da Garda Civil, os mineiros e todo o equipo de emerxencias".

 

Noticias web

26/01/2019

Máis sobre actualidade