CRTVG

Buscar

A familia do militar asasinado en Venezuela cre que foi unha emboscada

Publicado o 25/09/2020 14:27

Viberto Quinteiro faleceu despois de que doce persoas dispararan ao coche no que ía. Segundo algúns medios, asasinárono cando ía mercar un coche de segunda man. Despois roubáronlle todo o que levaba.

Nin os pais, nin a muller nin unha filla do falecido puideron ir a Venezuela polas restriccións da Covid-19. Aseguran que non se cren a versión do roubo, pero non teñen moita máis información do sucedido. Agora están a espera de poder traer o corpo para Galicia.

Os pais de Viberto Quinteiro viven nesta pequena casa do Foxo. Aquí pouco saben do sucedido. Din que aínda non puideron ir a Venezuela polas restricións da pandemia, pero que en canto poidan queren ir aló para coñecer de primeira man o que aconteceu. Din que o seu fillo era un militar experimentado, precavido e ao que era difícil enganar. Non cren que o asalto fose un roubo.

"Fixéronlle unha emboscada. É o que está no meu corazón e na miña mente, porque eu sei que el non era tan desprevenido e que tiña coñecementos para saberse protexer", di Flores Pérez, nai do falecido.

Flores agradece o apoio que os dous netos que ten en Venezuela recibiron dos veciños e a familia da nora que lles axudaron en todo momento. Queren traer os restos de Viberto para Galicia, onde está parte da súa familia.


A muller de Viberto xa quixo vir hai nove anos, cando dous homes mataron a tiros un veciño deles cando saía da casa en Venezuela.

 

Noticias web

25/09/2020