CRTVG

Buscar

Morre unha muller de 90 anos atropelada por un coche en Lalín

Publicado o 01/12/2020 16:46

Josefa cruzaba a estrada xusto diante da súa casa cando sufriu o atropelo mortal. "Ía cumprir 91 anos...pero paseaba por aí todos os días ela soa sen problema ningún", di unha veciña.

O sinistro ocorreu na media tarde deste martes. A muller foi alcanzada por un turismo e o golpe foi letal. Os equipos sanitarios que se desprazaron ao lugar do accidente xa non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Nesta zona de Rodelas, na estrada de Lalín a Rodeiro, hai unha longa recta con limitación de velocidade por ser unha zona habitada. "Antes estaba limitado a 50 e agora puxérono a 70 e como é unha recta, eu non sei...".

Xusto no punto onde se rexistrou o accidente hai un lixeiro cambio de rasante que puido limitar a visibilidade. Tamén a incidencia do sol xogaba en contra, xa que a esa hora estaba xa moi baixo xusto de fronte na dirección en que ía o turismo implicado no sinistro.

Algúns veciños cuestionan a ampliación dos límites de velocidade, aínda que recoñecen que é un lugar en que se adoita circular con cautela, porque é un lugar de controis habituais da Garda Civil de Tráfico. "Si, si, aí pon o radar moitos días, pero como é unha recta..., e agora os coches corren tanto!"