CRTVG

Buscar

42 falecementos e 1.888 persoas contaxiadas de coronavirus en Galicia

Publicado o 26/03/2020 12:30

• 54 pacientes foron dados de alta en Galicia desde o inicio da crise

• Lévanse realizado 8.805 probas a persoas con síntomas da enfermidade

42 falecementos e 1.888 persoas contaxiadas de coronavirus en Galicia

O número de mortos por coronavirus en Galicia xa ascende a 42. No día de hoxe rexistráronse 9 mortes.

Na última actualización, o número de casos de coronavirus é de 1.888; deles, a maior parte son das áreas sanitarias da Coruña e de Vigo, seguidas das de Santiago, Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol.  

Do total de pacientes positivos, 91 permanecen en UCI, 520 están en unidades de hospitalización e 1.377 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 54 altas de pacientes.

Nas últimas horas faleceron un home de 84 anos e unha muller de 72 que estaban ingresados no CHUAC. Un home de 63 que estaba ingresado no CHUO e un home de 81 que estaba no Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Os catro tiñan patoloxías previas.

No día de hoxe tamén se coñecía a morte dunha muller de 89 anos que estaba ingresada no Policlínico da Rosaleda, en Santiago. Tamén faleceu un home de 57 anos que estaba no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Outros catro falecementos dos que se tivo noticia no día de hoxe son o de un home de 63 anos, que estaba ingresado no Hospital Universitario de Ourense; ademais doutro de 74 anos ingresado no Hospital de Montecelo; outro de 87 anos que estaba ingresado no hospital A Rosaleda en Santiago, e outro home, tamén de 87 anos, que estaba ingresado en Ferrol. Segundo informa o Sergas, as vítimas tiñan patoloxías previas. 

O número de probas PCR realizadas ata hoxe é de 8.805.