CRTVG

Buscar

Morre Marcos Mundstock, un dos fundadores de Les Luthiers

Publicado o 22/04/2020 17:13
Morre Marcos Mundstock, un dos fundadores de Les Luthiers

Falece aos 77 anos o actor e humorista arxentino Marcos Mundstock, un dos fundadores do grupo Les Luthiers. O músico morreu tras sufrir durante un ano unha enfermidade "irreversible", segundo informou a formación este  mércores nun comunicado. 

"Despois de máis dun ano de loitar cun problema de saúde que se tornou irreversible, Marcos, o noso compañeiro e amigo, finalmente partiu. De agora en adiante, cada un de nós deberá empezar a transitar o doloroso camiño de aprender a convivir coa súa ausencia", sinalaron Les Luthiers.

Os seus compañeiros reivindican "o recordo da súa voz, única e inconfundible" e "a súa presenza sobre o escenario, co seu cartafol vermello e fronte ao micrófono, que cativaba ao público antes de dicir unha soa palabra". Quedaralles, din, o seu profesionalismo, a súa autoesixencia, "a súa ética de traballo e o seu respecto extremo polo público". Uns valores que, aseguran, todos comparten e que o propio Mundstock defendeu dende que naceu Les Luthiers.