CRTVG

Buscar

Morre aos 97 anos Luz Pozo, unha das voces esenciais da poesía galega

Publicado o 21/04/2020 09:58

A escritora Luz Pozo Garza finou hoxe na Coruña aos 97 anos. Luz Pozo está considerada unha das voces máis esenciais da poesía galega.

Luz Pozo Garza, decana da poesía galega, naceu en Ribadeo en 1922. Finou hoxe na Coruña, a cidade en que residía dende finais dos anos 80.

A poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio facía parte da RAG dende 1950, cando, con só 28 anos, foi nomeada membro correspondente, e dende 1996 era académica de número.

A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir.

En 2019 publicou o seu derradeiro libro, Pazo de Tor, unha obra de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna.

Aquí pode verse unha entrevista para o programa 'Galegos', de Xosé Manuel Vega, no 2014.