CRTVG

Buscar

Morre con coronavirus un veciño de Vilanova vencellado co gromo da avícola de Cambados

Publicado o 08/10/2020 18:20
Morre con coronavirus un veciño de Vilanova vencellado co gromo da avícola de Cambados

Un veciño de 60 anos de Vilanova de Arousa faleceu con coronavirus. En concreto, a vítima era o pai dunha das traballadoras que resultou infectada no gromo detectado hai dúas semanas nunha empresa avícola situada en Cambados, onde houbo outros 130 casos.

O falecido padecía diabetes e sufrira tamén algún problema cardíaco con anterioridade, polo que permanecía ingresado no hospital de Montecelo, en Pontevedra.

Fontes próximas á familia explican que, a pesar de que o home tivera unha lixeira melloría nos últimos días, faleceu o mércores na UCI, onde se atopaba ingresado.

En declaracións a Europa Press, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, asegurou que: "Aínda que ningunha morte serve para nada, espero que esta polo menos nos conciencie un pouco de que a única maneira que temos de defendernos é respectar as medidas preventivas, que non o estamos facendo".

O falecemento deste veciño é o primeiro que se produce por causa da covid-19 no municipio de Vilanova de Arousa. Un concello que este xoves conta con 21 casos activos, catro máis que na xornada do mércores.

Nas últimas semanas o Concello de Vilanova de Arousa e o seu alcalde realizaron diversas chamadas de atención respecto da evolución da crise coronavirus no municipio, pois chegouse a solicitar á Xunta que impuxese restricións preventivas no municipio.