CRTVG

Buscar

Montero advirte as comunidades que é "unha rocha para as ameazas"

Publicado o 05/02/2020 20:10

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, advertiu este mércores que é "unha rocha para as ameazas" despois de que varias comunidades autónomas expuxeran recorrer á vía legal para reclamar a recadación de IVE de 2017 que consideran que se lles debe.

Nunha entrevista para unha canle de televisión privada, Montero defendeu que as comunidades autónomas exerzan os seus dereitos e considerou que o Ministerio de Facenda "non pode responder conforme a ameazas", senón con "criterios xustos".

A ministra lembrou que o Goberno tentou compensar o desaxuste coa recadación de IVE de 2017, resultado dun cambio na xestión do imposto, nos orzamentos de 2019 e como non saíron adiante agora "non é posible acometelo", aínda que estuda "medidas paliativas".

A reclamación deses cartos vai sumando autonomías de distinto signo político. A Galicia, Madrid e Cataluña súmase Cantabria, onde Revilla goberna co PSOE, e outras presididas por baróns socialistas, como Lambán ou García-Page.

O asunto vai chegar ao pleno do Congreso o próximo martes. O PP vaille esixir ao Goberno a devolución do IVE pendente e insistirá na necesidade de reformar o financiamento autonómico.

A ministra sinalou que os impostos cedidos, como o de sucesións ou patrimonio, trataranse no marco da reforma do financiamento autonómico co obxectivo de evitar unha "competencia desleal", xa que algunhas rexións "piden máis recursos pero están a practicar unha fiscalidade á baixa".

Polo que respecta aos orzamentos de 2020, confiou en que a súa negociación non se vexa entorpecida polos posibles comicios en Cataluña e o País Vasco. Tamén sinalou que se incorporarán as figuras tributarias previstas nas contas de 2019, como o imposto a determinados servizos dixitais ou transaccións financeiras.

A devolución dos 2.500 millóns de euros do IVE de 2017 non se vai acometer este ano. A ministra de Facenda insiste en que este problema, herdado da xestión do seu predecesor, Cristóbal Montoro, non ten solución inmediata, pero, asegura, poden buscarse alternativas.

A reclamación deses cartos nos tribunais vai sumando autonomías de distinto signo político. Cataluña, as gobernadas polo PP, como Galicia, e tamén comunidades socialistas. A primeira,  Castela-A Mancha. Aragón, que podería ser a segunda, xa lle deu un ultimato a Facenda, e agora fai o mesmo Cantabria, onde Revilla goberna co PSOE.

Do resto de autonomías gobernadas polos socialistas, só Asturias e Baleares non descartaron por completo aínda a vía xudicial. O presidente de Castela A Mancha di que por riba da cor política están os intereses das comunidades que gobernan.

O asunto vai chegar ao pleno do Congreso o próximo martes. O PP vaille esixir ao Goberno a devolución do IVE pendente, e insistirá na necesidade de reformar o financiamento autonómico.