CRTVG

Buscar

Moncloa está disposta a seguir coa reforma do CXPX malia os avisos de Bruxelas

Publicado o 16/10/2020 10:44

Moncloa está disposta a seguir adiante malia as advertencias que chegan de Bruxelas. Desde Europa chegan avisos de que o que pretenden facer o PSOE e Podemos podería vulnerar as normas comunitarias.

A Comisión Europea di que hai que renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, pero considera que a vía emprendida para facelo, cunha simple maioría absoluta do Congreso, poría en perigo a independencia dos maxistrados e agravaría a impresión de que o Poder Xudicial é vulnerable á politización.

O executivo comunitario reclámalle a Pedro Sánchez que consulte con todas as partes implicadas e que pida a avaliación da Comisión de Venecia, que é o órgano do Consello de Europa encargado de velar polo respecto ao estado de dereito nas reformas xudiciais, o mesmo organismo que ditaminou noutras ocasións contra os cambios emprendidos en países como Polonia, Turquía, Ucraína, Moldavia ou Xeorxia.

O voceiro de xustiza da Comisión Europea, Christian Wigand, asegurou que "os estados membros deben seguir os estándares da Unión Europea para garantir que non se poña en perigo a independencia xudicial".

 

 

 

Noticias web

16/10/2020