CRTVG

Buscar

Moitas pemes buscan reinventarse ante a crise económica e sanitaria

Publicado o 10/10/2020 21:43

A crise económica que vai parella á crise sanitaria que vivimos levou moitos sectores a unha situación difícil. Un dos máis afectados é o dos autónomos e pequenas e medianas empresas. Moitos intentan buscarlle a parte positiva a esta crise e aproveitan este momento para emprender novos camiños ou reinventarse.

Arredor dun 47 por cento da poboación activa en España traballa nunha empresa de menos de vinte empregados... As pequenas e medianas empresas son as máis vulnerables fronte á caída da actividade económica, que vai paralela á crise sanitaria. Moitas delas si puideron adaptarse con vendas a través da Internet e cunha dixitalización ás présas, que nestes tempos pode supoñela clave da supervivencia de moitos negocios.  "O cambio de mentalidade foi radical, moi rápido e a xente asumiuno. Unha parte importante do futuro vén por aí, pero unha parte da comunicación en directo non se vai esquecer, pero a parte telemática si que vai aumentar moitísimo", di Manuel Nieto, empresario e vicepresidente da Asociación da Área Empresarial do Tambre, en Santiago.

Empresarios e novos emprendedores buscan alternativas, procuran reinventarse, aínda que para moitos ofrecer os seus produtos ou servizos a través da Internet non é posible.
"O que temos que ter é unha capacidade de adaptación, unha capacidade de invención, e a maioría dos empresarios xa son así"

Por iso diferentes sectores piden máis axudas ás administracións e simplificación de criterios.
"O que eu boto de menos é unha simplicación das normas, non pode haber tantas normas e tantos impedimentos para poñerse a traballar"

Din que a pronta recuperación, en termos sanitarios, é fundamental tamén para a súa supervivencia. É que sen saúde tampouco hai economía.
 

Noticias web

10/10/2020