CRTVG

Buscar

Bos días

Mobilización feminista histórica de alcance global. Protesta relevante en América Latina

Publicado o 09/03/2018 09:22

E da xornada xa cualificada como histórica en España de reivindicación da igualdade polas mulleres á mobilización feminista de alcance global. De Oriente a Occidente, de norte a sur do planeta, as mulleres tomaron as rúas das cidades e vilas de todo o mundo, con alcance distinto, para esixir, en definitiva, unha sociedade máis xusta.

Especialmente significativa a xornada de protesta das mulleres nos países da América Latina cunha alta participación. Masiva foi a mobilizacion na Arxentina. En Bos Aires centos de milleiros de mulleres, canda homes con elas, tomaron as rúas pola igualdade e o aborto libre e contra os feminicidios. Houbo tamén paros como en España.

Á vaga de reivindicación pola igualdade sumouse mesmo o presidente Macri, que anunciou unha lei contra a brecha salarial, que na Arxentina supera o 27 por cento. O país lidera a loita feminista na América Latina, pero tamén millerios de mulleres ocuparon as rúas de Lima, no Perú, co mesmo berro pola igualdade e contra a violencia machista. En México as mulleres colapsaron o centro da capital, nunha xornada entre reivindicativa e festiva, sen esquecer que o país é un dos que sofre con máis incidencia a violencia contra as mulleres.

En São Paulo tamén milleiros de mulleres marcharon polas principais avenidas da maior urbe brasileira para esixir unha sociedade máis xusta coas mulleres en pé de igualdade cos homes.

E por inusual destacar a protesta de dúcias de mulleres que se arriscaron a percorrer as ruas de Riad nun país cunha das sociedades máis pechadas e coas mulleres rpácticamente sen dereitos e con algún avance nos últimos tempos.

Mesmo apoiaban desde Riad o paro das mulleres en España cun escrito en castelán.
En Europa a protesta feminista tivo certo eco en Francia e Italia. En París milleiros de mulleres percorreron a capital para esicir igualdade e rachar coa brecha salarias e as fronteiras entre homes e mulleres. A noite anterior a Torre Eiffel iluminouse co lema "agora actuamos" e o presidente Macron comprometeuse tamén a unha lei para a igualdade salarial.

Nos Estados Unidos o Me TOO e o presidente Trump propulsaron o feminismo nos últimos tempos. En Nova York as concentracións reclamaron presión para o progreso. As mulleres esixiron melloras nas condicións de traballo e a defensa do seu dereito a participar na vida política.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

09/03/2018