CRTVG

Buscar

Moaña estrea confinamento logo de ver empeorar a situación sanitaria

Publicado o 26/11/2020 08:35

• Producíronse 474 casos nos últimos 14 días | Non se poderá ir ao concello limítrofe de Cangas, agás que se presente xustificación

A imaxe de xente tomando café na rúa, xa normalizada noutros concellos galegos, chega tamén a Moaña, coa vantaxe de que hoxe o tempo, malia a estar fresco, aínda acompaña. "Eu sempre paro nese bar e estaba aberto, pero díxome que tiña que levalo. Collino e vin tomalo aquí", di un veciño que toma o café ao pé do mar.

As restricións na hostalería, que só pode servir para levar, comezan a un mes vista do Nadal, algo que preocupa no sector.

"O mes de decembro aínda soe traballarse ben dentro do que é o inverno, porque despois veñen xaneiro, febreiro, marzo... que xa non quitas para gastos un ano normal. Eu porque teño a lotaría e, se alguén quere un café, fáiselle, pero non é a solución", di José Verde, hostaleiro.

Tamén se instaura aquí o peche perimetral que xa padecían os seus veciños de Cangas desde principios de mes. Son peches independentes, por concellos, de maneira que tampouco poden desprazarse entre eles sen razón xustificada, malia a interacción habitual entre ambas as dúas poboacións: "Eu son de Moaña pero vivo en Cangas, estou casado alí, empadroado alí... Estamos aquí nunha cadea que non podes ir nin a Moaña, nin a Cangas, nin tomar un café... Estás preso". "A Moaña van poucos, que está sempre a policía aí", ri unha veciña.

En Moaña hai 90 casos activos. A maior incidencia, en mozos entre 20 e 24 anos. "Supoño que é xusto, sobre todo para crear conciencia na xente: é un problema que temos que solventar canto antes", razoa un mozo sobre as medidas adoptadas.

A curta idade dos afectados é unha das razóns que alega o comité clínico: ao tratarse de casos maioritariamente asintomáticos, hai maior risco de transmisión comunitaria, o que tentan combater con estas medidas.

 

Noticias web

26/11/2020