CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas participan en Betanzos na andaina solidaria "Camiñando con Noel"

Publicado o 30/03/2019 16:29

Betanzos entrégase para axudar ó pequeno Noel, un neno da vila que padece un tumor cerebral. A andaina solidaria deste mediodía congregou máis de catro mil persoas.

Locen con orgullo a pancarta que fixeron estes días para encabezar a andaina solidaria polo centro de Betanzos. Comparten clase con Noel no colexio Francisco Vales Villamarín. Hoxe saen á rúa para lembrarlle que non está só na loita contra o cancro, que padece dende hai tres anos.

A familia está desbordada coa resposta da veciñanza. Máis de 4.000 persoas participaron na marcha organizada polo concello.

Noel ten un tumor cerebral canceroso coñecido como meduloblastoma. Os tratamentos que existen só conseguen frear o seu avance de xeito temporal. Agora a familia tenta recadar cartos para un ensaio clínico que vaia máis aló.

A recadación faise a través da Fundación Cris contra o Cancro. Dende que a familia puxo en marcha a súa iniciativa, hai tres semanas, conseguiu reunir máis de 120.000 euros. O vindeiro sábado, organizan unha festa infantil no colexio de Noel. O obxectivo é reunir canto antes os 330.000 euros que fan falla para multiplicar as súas esperanzas.

Noticias web

30/03/2019