CRTVG

Buscar

Menos percebe, máis caro e máis pequeno

Publicado o 17/08/2020 16:16

No último mes e medio colléronse case a metade de quilos que o ano pasado pero o prezo medio subiu 4 euros

Os percebeiros de Aguiño escollían esta mañá o percebe que apañaron no cabo de Corrubedo. Todos coinciden en que son exemplares medianos. 

"Para a calidade que hai os prezos están ben. É mediano e pequeno e ten un prezo aceptable", comenta un percebeiro.

"Está de 80 o máis caro a 20 euros o máis barato. É un mal ano porque non agarrou e porque temos o problema do furtivismo", concreta Manuel Reiriz, presidente da agrupación de mariscadores de Aguiño.

As capturas baixan case á metade

Nos meses de xullo e agosto o percebe págase ben. Nestes tempos de pandemia, o prezo medio en lonxa vai a 31 euros, 4 máis que o ano pasado. A clave está nas capturas.

"Non o hai por ningún lado. Nin aquí nin máis o norte", comenta un percebeiro. 

De feito, no último mes e medio colléronse en Galicia 46.000 quilos, case a metade do ano pasado. Aguiño é a terceira lonxa de Galicia, detrás da Coruña e Cedeira, pero é un dos lugares con máis sona e máis prezo.

Noticias web

17/08/2020