CRTVG

Buscar

Matanzas si, pero con seguridade para evitar contaxios

Publicado o 20/11/2020 14:49

"O banco poñémolo aquí. Ti colles o sangue e despois deixamos aquí o marrao para chamuscar". 

Fina e Aurora organizan a matanza deste ano. Aínda haberá que agardar a que o tempo arrefríe para que non se perda a carne. Xa hai anos que decidiron xuntarse para cebar os porcos. Son sete familias.

"E todos axudamos a todos. Ás veces 20 persoas. Este ano non", di Aurora Fernández. 

"Non, non, este ano cada un o seu, como se adoita dicir. Este ano o indispensable xuntos e despois xa...", di Fina Vázquez. 

Onde estean prohibidas as reunións de non conviventes só poderán participar os da casa. No resto, neste intre, as xuntanzas non poden ser de máis de 6 persoas. 

"Moitos temos restrinxida a mobilidade e iso está por riba deste tipo de actividade", explica Juan José Gómez, presidente do Colexio Veterinario Ourense.

Os que poidan participar deberán cumprir o protocolo sanitario. "Normativa covid, que é adaptar o que todo o mundo coñece ao momento da matanza. É dicir, máscara, moita hixiene, ventilación e as interaccións persoais mínimas e imprescindibles", di Juan José Gómez.

"Por exemplo, vir axudar a matar e despois un aquí e outro alí todo separado e menos xente, e despois non facemos comida nin nada, onde adoitabamos facer unha festa cada vez que mataba unha casa. E despois o día dos chourizos igual, con máscara e a distancia", explica Aurora.

"Gózase moito facendo eses traballos xuntos. A verdade é que é unha pena, pero é o que hai", di Fina.

É o único xeito de evitar que esta tradición se converta nun novo foco de contaxio.

 

Noticias web

20/11/2020