CRTVG

Buscar

Martiño Noriega: "Espero que Unidas Podemos mude a posición e non frustremos unha esperanza de cambio"

Publicado o 17/02/2020 12:37

O venres terán que presentarse as coalicións que concorran ás eleccións autonómicas do próximo mes de abril. O panorama parece despexado en case todas as formacións políticas, menos nunha parte da esquerda: Unidas Podemos, as mareas municipalistas, Anova e En Marea.

Martiño Noriega, responsable de Relacións Políticas de Anova, e exalcalde de Santiago, foi entrevistado este luns no Bos días, onde dixo que hai un "diálogo fluído no que se coñece como esquerda alternativa que creo que é a chave cualitativa e cuantitativa para poder mudar as cousas. Estamos obrigados a falar e sabemos que hai unha demanda para que nos presentemos unidos".

"Pero o certo -recoñeceu Martiño Noriega- é que non se chega a abrir unha negociación porque algúns pensan que esa chave non ten que ter todos os dentes para abrir a porta. Por Anova non vai ser e polo espazo municipalista tampouco vai ser. Espero que Unidas Podemos mude a posición e non frustremos unha esperanza de cambio".

"Estamos intentado facer ver que o espazo ten que ser cooperativo, no que ten que haber igualdade. E iso bate coa posición de quen cre que Unidas Podemos ten que ser central e o resto das sensibilidades seren ornamentais", asegurou.

O exalcalde de Santiago non cre que a realidade sexa a que agora mesmo ofrecen as enquisas: "Eu creo que os resultados van ser moi axustados, e son optimista. Creo que se somos capaces de artellar unha candidatura que reflicta todas as partes poderemos lograr ese resultado que leve ao cambio".

"Con En Marea a día de hoxe non se están a dar conversas, non queremos enganar a ninguén", dixo Martiño Noriega respecto á posibilidade dunha coalición coa formación de Luís Villares.

"Nós preferimos unha alternativa conxunta, e por nós non vai quedar, pero, se non, evidentemente, imos estar no espazo electoral", insistiu para deixar claro que Anova concorrerá ás eleccións nesa coalición ou en solitario, e rexeitou a necesidade de que outros actores alleos a Galicia entren nesa mesa de negociación: "A día de hoxe, as conversas son no ámbito galego. As conversas non deben ser con intermediacións externas. Os problemas que poida haber temos que solucinalos entre nós".

 

 

Noticias web

17/02/2020