CRTVG

Buscar

Marta Vilanova González quixo entrar na Garda Civil en canto foi posible para as mulleres

Publicado o 06/03/2020 15:21

As xefaturas da oficina técnica, a de equipo e a da sección do Seprona da Coruña, os tres grandes mandos, van estar en menos dun mes encabezados por mulleres. Pode ser casualidade ou tamén que na Garda Civil corren novos tempos. Hoxe coñecemos unha delas. É o corpo con menor presenza feminina. As mulleres puideron entrar na Garda Civil no 1988.

Soñaba con ser garda civil cando aínda as mulleres non podían acceder ao corpo. No ano 1988 unha boa nova cambiou a súa vida.

Marta Vilanova González, tenenta da Garda Civil: "Recordo ese día perfectamente. Miña nai chamoume, estaba a sacar o uniforme do colexio, e dime, 'mira Marta, as mulleres xa poden entrar na Garda Civil'. Entón mirei a miña nai e díxenlle 'xa sabes o que quero ser, non?'".

Chegar a tenenta foi un camiño duro para ela como muller, pero tamén para os homes. Non cre que haxa brecha de xénero, a día de hoxe. Ela e o seu home comezaron xuntos no corpo e os dous teñen o mesmo rango.

Marta Vilanova González, tenenta da Garda Civil: "Eu teño moitos compañeiros, homes, aos que lles gustaría ascender e non o fixeron tampouco, porque a nosa carreira é bastante longa e complicada nese sentido, de esforzo e de mobilidade xeográfica".

Recoñece que as cousas foron cambiando para mellor. Lembra cando as probas físicas non distinguían de sexo.

Marta Vilanova González, tenenta da Garda Civil: "O ano que eu entrei eran as mesmas para homes e mulleres e hoxe en día están perfectamente distinguidas por sexos e para o estudo valen homes coma mulleres o mesmo".

Está moi satisfeita coa súa carreira. Conseguiu o que se propuxo. Capitá é a seguinte meta no profesional. No persoal xa leva colgadas todas as medallas.

Noticias web

06/03/2020