CRTVG

Buscar

Maroto di que Alcoa quere "subvencións e subvencións", pero non un plan industrial

Publicado o 24/06/2020 12:23

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, acusou a Alcoa de non querer un plan industrial para garantir a continuidade e o emprego da súa planta en San Cibrao. 

Maroto dixo, ao responder unha pregunta do deputado de VOX José María Figaredo na sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados, que as axudas recibidas pola compañía por emisións de CO2 ascenden a 38,4 millóns. "Iso é Alcoa, subvencións, subvencións e subvencións, e non protexer os traballadores", asegurou a ministra. 

Tamén reiterou que a prioridade do Goberno pasa por "protexer o emprego e mellorar as condicións dos traballadores", mentres que outros "quedan de perfil". Figaredo subliñou que máis de 2.000 traballadores "necesitan que o Goberno os escoite" e dixo que Alcoa pechará a súa planta "pola inseguridade xurídica e os custos da enerxía". E dixo que o Goberno tiña na súa man "a chave para a supervivencia de Alcoa" e que lles puxeran un plan enriba da mesa "cun estatuto do consumidor  electrointensivo, unhas poxas de interrompibilidad e indemnizacións polos dereitos de emisións de CO2".

Pola súa parte, a titular de Industria lamentou que VOX, motivado polas eleccións en Galicia, decidira aliñarse "coa Xunta, en lugar de co Goberno".

O BNG pide nacionalizar a planta

Néstor Rego insiste na nacionalizacion de Alcoa. Di que non hai impedimento legal e que depende unicamente da vontade politica. A ministra de Industria carga contra a multinacional e tamén carga contra a Xunta de Galicia.

Néstor Rego: "A situación esixe compromiso e determinación. Os traballadores e traballadoras de Alcoa non entenderían que, existindo unha solución, non se puxese en marcha."

Reyes Maroto: "O compromiso do Goberno coa actividade industrial en Galicia segue sendo claro e firme, en especial coa electrointensiva, un sector esencial para a nosa economía".